Mª Pilar Campo Domínguez (Marica)

Pseudónimo:Marica Campo
Categoría: Mestra e escritora
Data de Nacemento: 24 de febreiro de 1948
Lugar de Nacemento: Val do Mao, Incio (Lugo)

Comezou estudios de Teoloxía e Filosofía e Letras e é diplomada en Maxisterio e Galego pola Escola de Idiomas. Foi profesora de galego no Instituto de Ensino Secundario de Guitiriz (Lugo), na actualidade xubilada. Publica relatos e poemas soltos en diversas revistas e colabora en múltiples iniciativas docentes e socioculturais dirixidas á dignificación da literatura e a lingua do país. Ademais, é autora de letras para grupos musicais galegos desde o albor da Nova Música Galega, do libreto do musical operístico 'A Casa' e autora teatral. Foi pregoeira en diversos eventos culturais e festivos e prologuista de varios libros.

Obras realizadas

No conxunto da súa obra hai que salientar: ‘O premexentes non pode cos paxaros rebezos’ (teatro), Cadernos da Escola Dramática Galega; ‘Confusión de María Balteira’ (teatro), representada polo grupo 'Achádego'; ‘Tras as portas do rostro’ (poesía), Baía Edicións, A Coruña (1992); ‘Confusión e morte de María Balteira’ (narrativa), Baía Edicións. A Coruña, 1996 (finalista no Premio da Crítica); ‘Pedinche luz prestada’, (I Premio de Poesía ‘Fiz Vergara Vilariño’, 2000), editado por Espiral Maior, A Coruña, 2001; ‘Memoria para Xoana’ (Premio de Narrativa do Concello de Vilalba no ano 2001), editado por Espiral Maior no ano 2002 e Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2002), ‘Crispín do Mao, Crispín do mar’ no volume ‘Contos’, publicado pola Dirección Xeral de Política Lingüística (2004), ‘A voda’ en ‘Narradoras’ de Xerais,Vigo (2000) e ‘Poemas e contos da muralla’, varios autores, edición do Concello de Lugo. Ademais, participou con poemas e contos en libros de lectura da Editorial Santillana e letras de cancións para “Fuxan os Ventos”, “A Quenlla” e outros.