O Belén de Begonte

Trátase dun belén que ten vida propia, no que as figuras están animadas electronicamente e, conxuntamente, conforman unha escena de Belén tradicional axeitado a Galicia, onde os labregos cultivan a terra, os pastores atenden o gando, os carpinteiros carpentean e os pescadores pescan.

Todo para mellor escenificar, representar, unha imaxe que ten tanto de inocencia como de técnica, de fe como de respecto á tradición. No decurso dos anos o Belén foi medrando, ocupando toda a planta baixa do local onde está instalado, e cada ano sofre fonda transformación para que os que acoden tódolos anos a velo -que son moitísimos- teñan sempre novidades que ver e que contar.

Desde hai uns anos, na sala inmediata ó Belén está montado o Museo do Belén, onde se van incorporando en cada edición os edificios, as figuras e os conxuntos animados que cada ano van sendo renovados na instalación.

 

O Nadal en Begonte

A tempada do Nadal, en Begonte, dura dous meses. Desde comezo de Decembro ó remate de Xaneiro. O comezo márcao o Pregón do Nadal que pronuncia un persoeiro da vida cultural, social ou relixiosa de Galicia. Pregoeiros do Belén foron os dous últimos arcebispos de Santiago de Compostela e os bispos de Mondoñedo-Ferrol e Lugo, Fraga Iribarne, Vázquez Portomeñe, López Besteiro, García Leira, Manuel Regueiro, Luis Rial, Tuñas Bouzón, Filgueira Valverde... E López Orozco, Adolfo de Abel, Blanco Campaña, Jesús Parga, Emilio Valadé...

Cada ano convócase cadansúa edición do Certame galego de arte "José Domínguez Guizán", Certame Nacional de Poesía sobre O Nadal, Certame de Xornalismo sobre O Nadal, Certame de Debuxo infantil, e publícase un libriño cos traballos premiados en cada edición dos certames de poesía e xornalismo.

Todos estamos invitados a visitar o Belén de Begonte, agardando que, como quería Fiz Vergara Vilariño, nos aproveite a visita: "A Begonte este ano iremos pra visita-lo Belén; de Begonte voltaremos encheitos de paz e ben."