Visita ó Belén de Begonte

Advertímosche, visitante, que vas atopar un Belén humilde, sinxelo, que pretende reflectir o mellor exemplo de humildade que rexistra a historia: O nacemento do Fillo de Deus, feito Home. É un Belén perfectamente chairego, xa que utiliza os xeitos, personaxes, costumes, tradicións da comarca de A Terra Chá, do centro das terras de Lugo. Nel reflíctese a Chaira dos nosos devanceiros, os traballos do campo, as paisaxes… ata as casas feitas con esa pedra estreita, pouco máis ca lousa, que caracteriza as construcións deste pequeno país.

Podes chegar a Begonte pola Autovía A-6 se procedes de terras coruñesas ou da montaña do este da provincia… E se prefires unha viaxe máis repousada, vir pola antiga Nacional VI, agora con moito menos tráfico, ollando repousadamente a paisaxe. Podes vir desde o norte pola Autovía A8, que en Baamonde de Begonte entronca coa A6 e permite a saída á N-VI. Xa en Begonte, non terás perda posible… á entrada do pobo vindo da capital lucense, á saída se entraches pola A6 e a través do Polígono industrial de Begonte, un letreiro indicará onde queda o “Belén”.

Se vés en grupo, aconsellámosche que avises previamente ao 982 396 121 (casa parroquial), para evitar retrasos xa que son numerosos os grupos de colexios, asociacións, entidades… que nos visitan. Unha vez na sede do Belén, en grupos aproximados de cen persoas, poderás ver o Belén de figuras animadas, de traballadores do campo, de Reis e pastores, e quizais non saberás a que atender… e quererás velo outra vez para apreciar o que no primeiro achegamento non foi posible apreciar.

Verás o día e a noite, a nevarada e as estrelas, o anxo e A Estrela de Belén… verás a devoción dun pobo, a ilusión das súas xentes, o traballo dun grupo de persoas dedicadas a esta iniciativa, e mergullaraste no espíritu dun Belén –xa dixemos- sinxelo e humilde que conquista corazóns, que fai brillar os ollos sensibles, e que nos enche o corazón de satisfacción e de gozo.

Invitámoste a visitar o Belén de Begonte… Como fixeron hai décadas país de familia que hoxe son avós e acompañan aos seus netos… como fixeron nenos que hoxe son país e traen aos seus propios nenos. Como fan cada ano arredor de 40.000 persoas que mesmo nos fixeron cambiar o cordial nome do pobo de xeito que moitos xa non falan do BELÉN DE BEGONTE senón que veñen a BEGONTE DO BELÉN.