Begonte do Belén

Cada ano, arredor de 40.000 persoas visitan en Begonte o Belén Electrónico que en 1972 fundou José Domínguez Guizán. Xentes de todo Galicia peregrinan a Begonte facendo deste pobo chairego a capital do Nadal en Galicia.Misterio en el Beleén de Begonte 2009

Un traballo do colectivo "Amencer" do Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, premiado no Certame de Xornalismo do Centro Cultural de Begonte na súa XIV edición, avogaba por unha denominación para esta localidade baseada no seu elemento máis característico. E falaba de Begonte do Belén. E quedoulle o nome.

Narradores e poetas rivalizan en cantar ó Belén de Begonte. Velaquí o que del dixo Fiz Vergara Vilariño, o poeta do fondal de Galicia de Santalla de Lóuzara, que tan axiña nos deixou.

Inquedos armadanzas con paciencia ergueron en Begonte un monumento:
Ronsel de paz divina,facha ao vento
rebordante de amor e transparencia.
Déronlle, apaixoados, a inocencia
da poeira do camiño borrallento
mixturada cun máximo talento
a se erixir no centro da conciencia.
Déronlle, asemade, luz da estrela,
guieiro dos peregrinos ao portal
na grande noite serea e misteriosa...
Déronlle, en fin, ciencia ben sinxela
para facer de Begonte unha lanzal
Galilea máis galega e máis fermosa

Poderiamos, pois, chamarlle a Galilea galega, que tamén o é. Pero quedámonos con BEGONTE DO BELÉN, polo que simboliza de vencello de todo un pobo cunha iniciativa que leva máis de tres décadas facendo de Begonte un faro chairego que aluma no Nadal a toda Galicia.