Manuel Oreste Rodríguez López

Data de Nacemento: 11 de decembro de 1934 (†13 de febreiro de 1990)
Lugar de Nacemento: Randulfe - San Miguel de Paradela - Paradela (Lugo)

Fillo de emigrantes, residiu na emigración en Barcelona desde os seis anos ata 1987, data na que se afincou definitivamente na cidade de Lugo. Fixo estudios de Humanidades e Filosofía no Seminario Diocesano de Barcelona, e de Contabilidade e Lexislación Laboral. Foi xefe administrativo de 1ª do Departamento de Persoal dunha empresa siderometalúrxica, ata o peche da mesma en 1984. Manuel Rodríguez López colaborou asiduamente en medios informativos de Galicia, Cataluña e Arxentina. Publicou gran cantidade de artigos en diversos xornais e revistas de Bos Aires; en Coordenadas e Dorna; no Boletín, en Treboada e Alborada do Centro Galego de Barcelona, do cal foi Cronista Oficial. Foi correspondente de Faro de Vigo e de El Ideal Gallego na Cidade Condal, onde firmaba como MANUEL-ORESTE R. L., e habitual colaborador de El Progreso de Lugo, La Voz de Galicia e Praza Maior (voceiro do Concello de Lugo). Ademais, colaborou en temas de historia lucense, monumentalidade e viaxes en Radio Nacional de España en A Coruña e Radio Popular de Lugo.

Obras realizadas

POESÍA: Poemas Populares Galegos (1968), Saudade no Bulleiro (1970), Soldada Minima (1979), Onte e Hoxe Vivencial (1995) e A Atlántida (1995), traducción ó galego do grande poema épico catalán de Jacint Verdaguer, Manuel Rodríguez López. Poesía Completa (2009), Manuel Rodríguez López. Antoloxía Poética (2014). PROSA: Reencontro coa Aldea (1983), Galegos en Catalunya 1978-1982 (1983), Galegos en Catalunya-2 (1985), Viaxes con Anxel Fole (1988), Festa da Virxe das Dores de Paradela 1989 (1989), libro-programa das festas e Volta a España a pé (1990), traducción ó galego do libro de Manolo Silva. Ademais, colaborou en diversos libros colectivos, entre os que se atopan Homaxe o Che (1970), A Nosa Terra (de "Libro de Oro", no centenario de Ramón Cabanillas) (1976), Homenaxe Multinacional a Castelao (1976), Galicia no Ano 1979 (1979), José Mª Acuña (1983), Os escritores lucenses arredor de FOLE (1986), Voces poéticas (1987), Paradela y su concello (1990) e Aliad-Ultreia. Poesía. Pintura (1993).

Outros datos de interese

Manuel Rodríguez López acadou numerosos premios literarios, entre os que destacan os primeiros premios de poesía Meigas e Trasgos de Sarria nos anos 1976 e 1980 cos poemas “Ti es eterno" e "Neoplasia", respectivamente; o Premio Xosé Mª Chao Ledo no III Certame Literario de Vilalba, en 1977, con A Emigrante e o primeiro premio do Certame Literario de Begonte en 1985 coa obra Noite de Nadal. En prosa, coa peza teatral Vivimos unha longa traxedia conseguiu o primeiro premio Nós de Barcelona en 1980. En Sarria, mereceron o premio Meigas e Trasgos os seus contos A meiguiñameiga e os trasgos (1977) e Quen me dera atoparme co trasgo (1986) e, en Baracaldo, Baixa Voluntaria (1978). Nos Premios Galicia de Xornalismo, quedou finalista na sección de Reportaxe, nas convocatorias de 1985 e 1987. Co gallo do seu pasamento, foi nomeado "Fillo Predilecto do Concello de Paradela" e "Lucense do ano 1989". En 1990 inaugurouse a Casa de Cultura de Paradela "Manuel Rodríguez López" e, no ano 2001, o novo “Centro Sociocultural Manuel Rodríguez López”. Desde 1995, vense celebrando cada ano o Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López, organizado polo Concello de Paradela. Entre a bibliografía sobre Manuel Rodríguez López inclúense obras como Gran Enciclopedia Gallega, Medio cento de galegos e Rosalía, 88 gallegos: una tierra a través de sus gentes, De Pondal a Novoneyra, Diccionario de escritores en lingua galega,…. Suso Vaamonde, Xerardo Moscoso, Alfredo González e Mª Carmen Otero musicaron e cantaron varios dos seus poemas en numerosos recitais.