• Inicio
  • O Belén
  • Begonte
  • Certames
  • Imaxes
  • Actualidade
  • Contacto
Menú
  • Inicio
  • O Belén
  • Begonte
  • Certames
  • Imaxes
  • Actualidade
  • Contacto

Tres entidades únense para crear o Xardín do Belén en Begonte

03/20/2025

O centro cultural José Domínguez Guizán, o Concello de Begonte e o Ceip Virxe do Corpiño veñen de unirse para crear o denominado Xardín do Belén, un espazo na contorna do centro educativo deste concello chairego no que se plantarán especies autóctonas que servirán no futuro como decoración vexetal do histórico nacemento, recoñecido como Festa de Interese Turístico de Galicia dende hai unha década.

A iniciativa naceu a partir do traballo Begonte do belén e os enfeites vexetais do Nadal do profesor Antonio Rigueiro Rodríguez, enxeñeiro de montes e catedrático emérito da USC, que foi premiado no certame de xornalismo de O Nadal en Begonte tras a súa publicación en El Progreso.

Rigueiro expuxo na súa obra, e tamén en conversas posteriores cos promotores do belén, a conveniencia de "mellorar a ornamentación vexetal desta instalación" evitando especies non autóctonas de Galicia, como o buxo, o ciprés de Lawson ou a tuia, para empregar "especies que medran nos nosos montes: acrivro ou xardo; xarda, xibarba ou rascacú; érbedo ou morodeiro, e loureiro común".

"Chegouse á conclusión de que sería moi boa iniciativa, en beneficio do belén, da natureza e da formación dos rapaces begonteses, crear en Begonte o Xardín do Belén, no que plantar e coidar especies como o acivro femia, loureiro, érbedo e xarda femia, para dispor destas plantas sen prexudicar as súas poboacións naturais, acompañadas doutras árbores caducifolias da Terra Chá, como carballos, salgueiros, cerqueiros, castiñeiros ou bidueiros, que poden tamén ornamentar o belén achegando a súa fisonomía á paisaxe da contorna", explicou Xulio Xiz, presidente do centro cultural.

Xiz e Rigueiro mantiveron unha xuntanza co alcalde, José Ulla , e co director do colexio begontés, Eliseo Real, para falar do proxecto, no que todos estiveron de acordo.

Así, acordouse que o Concello facilitará un terreo xunto ao centro e a nova escola infantil, realizará os traballos de preparación e delimitación e achegará as árbores e plantas que se precisen.

"Xa tiñamos pensado axardinar esta zona, para completar o acondicionamento do exterior da escola infantil, e pareceunos unha solución idónea, porque axuda a esta idea e dámoslle unha utilidade a ese espazo", explicou Ulla sobre un terreo no que, ademais da plantación, tamén se habilitarán unha zona de xardín, un paseo e bancos.

Os escolares terán un papel clave

E será un grupo de alumnos e de alumnas do Ceip Virxe do Corpiño o encargado de coidar o xardín e de colaborar no enfeite vexetal do belén e do seu museo.

"Só queremos manifestar o noso entusiasmo e compromiso cunha iniciativa que nos parece moi especial e unha oportunidade única para unir educación, natureza e tradición", asegurou Eliseo Real.

O director do centro ve neste proxecto unha forma de aproximar o alumnado "á botánica da zona e tamén que aprendan valores como o respecto polo medio ambiente, o traballo en equipo e a importancia de preservar o patrimonio cultural e natural".

A previsión é que a plantación, que estará asesorada en todo momento por Antonio Rigueiro, se realice en abril, coa idea de que o xardín poida aportar material axeitado para a próxima edición do belén.

Fonte: El Progreso

Otras noticias

  • Exposicion en Begonte dos cadros presentados ao Certame Galego de Arte Xaneiro 21, 26

    Na casa da Cultura de Begonte está aberta a exposición dos cadros...

  • L CERTAME DE XORNALISMO SOBRE O NADAL Xaneiro 21, 26

    Reunido o Xurado do L CERTAME DE XORNALISMO...

  • L CERTAME NACIONAL DE POESÍA SOBRE O NADAL Xaneiro 20, 26

    Reunido o Xurado do L CERTAME NACIONAL DE...

  • Convocatoria de Asemblea Xeral de Socios do Centro Cultural José Domínguez Guizán Xaneiro 14, 26

    De conformidade co disposto nos Estatutos polos...

  • II CERTAME AUDIOVISUAL SOBRE O NADAL do Belén de Begonte Xaneiro 14, 26

    Xa hai gañadores do II CERTAME AUDIOVISUAL...

  • Fallo do Xurado do L CERTAME DE DEBUXO INFANTIL SOBRE O NADAL Xaneiro 13, 26

    En Begonte, a 5 de xaneiro de 2026, reúnense os...

  • Cantar de Reises no Belén de Begonte Xaneiro 05, 26

    Días pasados, no Belén de Begonte, Toño Nuñez e Xose Manuel do...

  • HIPÓLITO XEADA, de Alfoz, gañador do XXXVI CERTAME GALEGO DE ARTE DO BELÉN DE BEGONTE Decembro 30, 25

    Mencións de honra para MANUEL CARBALLEIRA...

  • Hoxe, 6 colectivos visitaron o Belén de Begonte Decembro 18, 25

    Este xoves, seis colectivos visitaron o Belén...

  • Inaugurado o Belén de Begonte Decembro 01, 25

    O venres 29 de novembro de 2025, abriu as portas o Belén de...

< >

Belén de Begonte
Avda. de Galicia, s/n – Begonte – 27373 – LUGO – ESPAÑA / info@belendebegonte.es
Teléfono: +34 610 907 306
GaliciaDigital 2017-2024